Tuesday 07 de May de 2024

O ensino público galego contará no curso 2023/2024 con 370 profesores máis, superando os 31.000, malia ao descenso de alumnos


— Do incremento de docentes, 70 destínanse á prevención do abandono educativo e á atención á diversidade e outros 40 para o incremento de grupos en ESO e Bacharelato

— Os restantes 260 correspóndense co incremento de ciclos de FP, coa maior oferta da historia nestas ensinanzas

— O número de docentes en Infantil e Primaria mantense igual respecto ao curso pasado malia haber 2.600 estudantes menos

— Román Rodríguez destaca que Galicia conta cunha das mellores rateos profesores/alumno e co maior investimento por estudante, exceptuando as CCAA con réxime fiscal propio

O ensino público galego contará no curso 2023/24 con 370 profesores máis, ata chegar a un total de 31.044, para o conxunto de alumnos dos centros públicos, un total de 225.013. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, en declaracións aos medios ante o inicio escolar.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia detallou que, dos docentes a maiores, 260 se corresponden co incremento da oferta de FP, 70 destínanse a programas de prevención do abandono educativo e de atención á diversidade e outros 40 para o incremento de grupos en ESO e Bacharelato.

No caso de Infantil e Primaria, mantense invariable o número de mestres, malia que o número de estudantes nestas etapas no sistema público descende en máis de 2.600 alumnos respecto do curso pasado.

Román Rodríguez lembrou que Galicia é unha das comunidades con menor taxa de abandono educativo temperá (9,9%), ademais da Comunidade que ten maior porcentaxe (94%) de alumnado con necesidades específicas de atención educativa integrado en centros ordinarios. “Estamos a falar dun dos sistemas educativos con mellores rateos profesor/alumno de España (arredor do 70% das aulas están por debaixo de 20 alumnos) e cun maior investimento por estudante, só por detrás de Euskadi e Navarra, que teñen réximes fiscais propios –explicou–. Ademais de ter un dos mellores panoramas do Estado no relativo aos resultados educativos, tal e como indican informes como PISA”.

“Sempre temos marxe para mellorar, de feito imos seguir traballando nesta liña, potenciando a calidade do sistema e a súa equidade e garantindo a igualdade de oportunidades”, salientou o conselleiro. “Todo isto faise con recursos”, engadiu, destacando que “a aposta da Xunta de Galicia polo ensino é evidente: con menos alumnos imos ter máis profesores no conxunto do sistema”, dixo o conselleiro.

O curso 2023/24 comeza o vindeiro luns día 11 para un total de 311.823 alumnos de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato (entre centros públicos, concertados e privados). O número de alumnos matriculados no curso pasado (datos consolidados) e no que vai comezar (datos provisionais) no réxime ordinario é o que se recolle na seguinte táboa:

 

Número de alumnos/as no conxunto do sistema en centros públicos, concertados e privados

Etapas Número de alumnos/as Curso 22/23 Número de alumnos/as

Curso 23/24

Diferenza
Educación Infantil 52.997 50.117 -2.880
Educación Primaria 130.196 129.290 -906
Educación Especial 1.249 1.273 +24
ESO 96.716 98.074 +1.358
Bacharelato 33.074 33.069 -5
Total 314.232 311.823 -2.409

Só no sistema público, o número de alumnos nestas etapas descende en case 1.800. Aínda así, haberá en funcionamento 11.924 aulas para algo máis de 225.000 alumnos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Isto supón un reforzo do número de unidades para o próximo ano académico en comparación co curso anterior (no que estiveron en funcionamento 11.916 aulas para as ditas etapas) malia rexistrarse case 2.000 matrículas menos.

Cómpre lembrar que o terceiro período de matriculación en Formación Profesional remata hoxe mesmo, polo que nas próximas semanas haberá que engadir a estes datos os dos matriculados nestas ensinanzas, que xa romperon un récord o curso pasado ao chegar case os 61.000 alumnos. Neste sentido, o conselleiro destacou a aposta do Goberno galego pola FP, coa maior oferta de prazas da historia, un total de 42.174 postos de novo ingreso, un 12% máis.